“A xudicialización da sociedade está condicionando todo dunha forma absurda”

“A xudicialización da sociedade está condicionando todo dunha forma absurda”

 Jorge Duarte (Boimorto, 1966) recíbenos na Casa da Xuventude do Matadoiro, “un espazo a recuperar polos cidadáns coa autoxestión”, no medio da treboada polo peche de locais  de ocio nocturnos. Pese o suposto distanciamento con Martiño Noriega, afirma que segue sendo “o mellor alcalde para Santiago” dentro de Compostela Aberta, “un proxecto aberto a todo o mundo” da que foi nº3 nas eleccións do 2015.  Pensa que a Cidade da Cultura foi “un erro estratéxico que compre corrixir e integralo na cidade” e que personaxes como Agustín Hernández e Feijóo deben asumir o papel que lles toca como “oposición” e “Presidente de tódolos galegos, sen importar o seu partido”.

Comecemos por cando entras no Concello. Ti levabas 20 anos xa traballando como arquitecto, centrado na rehabilitación urbana, chegando a ser Decano do Colexio de Arquitectos en Compostela e a nivel galego. Que che move a entrar nas listas?

Hai un movemento de indignación en toda a sociedade. Non o vincularía estrictamente co 15M, pero a partir de aí aparece un movemento de que a sociedade civil ten que dar un paso adiante, que non merecemos os políticos que nos gobernan. En Santiago especialmente polos anos de xudicialización da vida, da conflitividade que hai con 3 alcaldes, parece que é necesario que precisamente xente que nunca tivo esa vinculación política pois que poida dar un paso adiante. Entendemos que a xestión democrática da sociedade debe ser algo no cal non quede únicamente en mans de políticos profesionais, senón en calquer cidadán pode dar ese paso e despois volver á súa vida normal.

Cales son os principais retos cando Compostela Aberta gaña as eleccións e ti entras nas áreas de Mobilidade, Vivenda, Espazos Cidadáns e con competencias en Urbanismo.

Intentamos facer un equipo para gobernar esta cidade armando unha lista na cal están representados distintos sectores, quedando claramente o tema de Urbanismo e Mobilidade para min. ¿Por qué en concreto lle chamamos á miña Concellería de Espazos Cidadáns, Vivenda e Mobilidade? Entendemos que para que podamos recuperar o espazo para os cidadáns e para poder liberar a cidade de coches é necesario mudar a política de mobilidade: apostar polo transporte público, apostar polo transporte en bicicleta, fomentar que a xente se desprace camiñando e para iso é necesario regular e limitar o acceso de vehículos privados ó centro da cidade. Entendemos por tanto que a mellora da mobilidade permitirá recuperar espazos para os cidadáns. Polo tanto ese é o meu reto, intentar cambiar esa forma de mobilidade, intentar facer unha cidade máis amable, máis agradable para os cidadáns.

 

Un dos eixos de Compostela Aberta, na súa carta de presentación, é a participación cidadá nas súas decisións de goberno. Ata que punto pode influír esta nun ámbito como o urbanismo e a mobilidade que ten tanta repercusión no día a día?

Vimos dun mundo da arquitectura e do urbanismo no que parecía que había que deseñar desde arriba, a xente que ten o coñecemento. Creo que nos últimos anos temos moi claro que a cidade faise coa participación dos cidadáns. Os cidadáns non só asumen que a cidade é un espazo para eles, se tamén se lles escoita e tamén teñen voz a hora de deseñar eses espazos. Polo tanto nós en todo este proceso fixemos diversos foros, fumos ós barrios, e escoitamos á xente. Polo tanto cremos que sen participación sería moi difícil a xente interiorice que iso é deles. É a única forma de que os cidadáns se crean autores da cidade e que aposten que eses cambios poden ser asumidos. Os cambios sempre traen problemas, polo tanto hai que convencer á xente, facela que participe para que os asuma.

Saíu estes días na prensa, mesmo foi portada en La Voz de Galicia e praza.gal unha ferramenta de Google co exército americano que compara a evolución dende o espazo de distintas cidades dende 1984 ata a actualidade. Destaca que Santiago é a cidade que máis medra toda Galicia, polo menos visualmente. Cara a onde vai medrar agora Santiago?

Santiago tivo un crecemento en extensión moi importante dende os anos 80 porque houbo unha planificación na que se apostaba pola baixa densidade no entorno. Tamén a área perimetral creceu ante as condicións de boa urbanización que había nos anos 80 e 90. Había unhas esixencias de cesións de espazo público, polo tanto medrou Santiago máis lentamente, pero medraron tamén os pobos limítrofes que a día de hoxe poderíamos dicir que son barrios da cidade como poden ser Milladoiro, Cacheiras ou incluso Sigüeiro e Bertamiráns. ¿Onde ten que ir a cidade? Eu creo que houbo erro na concepción da cidade que era apostar pola baixa densidade. Hoxe en día nas cidades hai que apostar, para poder dar os servizos e que sexan eficientes, por densificar a cidade. Non podemos ter un transporte público eficiente se a cidade é dispersa. O modelo americano dunha cidade dispersa, cada persoa un vehículo, non dá cidades realmente vivibles e acolledoras. Los Ángeles é a cidade da dispersión, das grandes autopistas, a cidade onde é difícil trabar vida. Aquí temos que apostar por densificar a cidade. Temos moita zona verde pero para poder facer ben os servizos de transporte público, limpezas ou lixo, é necesario densificar. Nós agora mesmo cremos que temos que facer unha maior densidade na cidade e tamén recentralizar o rural. Hai certos núcleos no rural que deberían poder crecer, dotalos de servizo e así xenerar novas centralidades.

Todo isto, que a cidade medre, é posible grazas a un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Existe o risco de que ocorra como en Vigo que o último PXOM foi botado abaixo pola Xustiza en xuño?

Eu creo que vivimos por desgraza nun punto no que xudicialización se está apoderando da vida e está condicionando todo dunha forma un tanto absurda. Sen entrar a discutir se o plan de Vigo estaba ben tramitado ou non,. Ás veces temos cando facemos unha aprobación dun Plan que poida caer 4 ou 5 anos despois, o único que xera é unha inseguridade que non é normal. Temos que garantir a participación, a democracia na elaboración dos plans. Pero se estamos mirando e vemos que o 50% dos plans acaban tendo problemas xurídicos de tramitación e que igual o que temos é unha tramitación moi complexa. Deberíamos de intentar que a tramitación fora máis sinxela e que teñamos maior seguridade xurídica.

Por exemplo en Santiago está o caso do hotel da Quinta da Auga con orde de derribo.

Casos como eses que arrastramos ao longo do tempo despois dunha sentencia que di que hai parte da tramitación que é irregular, pois a veces creo que falta un pouco de perspectiva para ver. Se hai informes de Dirección Xeral de Patrimonio, de Urbanismo, do Concello, que veña un xuíz e de repente diga “non, todas as outras Administracións que interviron aquí están equivocadas”. Ás veces faise moi difícil de entender iso, que desde unha instancia da xudicatura, en terceira instancia, 10 anos despois, se poida decidir que hai un error cando participaron tres ou catro Administracións nesa decisión.

Volvendo ao tema da planificación da cidade, en outubro saían adxudicadas as axudas que concedían os fondos FEDER ao desenvolvemento sostible nas cidades. O proxecto Santiago 2020 conseguiu 10 millóns de euros de financiamento. Neste proxecto fálase do Paxonal, de Xoan XXIII ou Praza de Galicia como zonas de actuación. Cómo se vai a actuar?

Realmente o proxecto ten 3 eixos básicos: A aposta pola inclusión, a accesibilidade e a posta en valor polo patrimonio que os cidadáns aínda non coñecen. A aposta por unha cidade inclusiva, na cal haxa intevención sobretodo nos barrios. Hai un partida máis potente para mellorar a accesibilidade dotanco de ascensores nos barrios, de Vistalegre, Pontepedriña ou Vite nas que hai vivendas públicas antigas sen ascensores. Unha cidade inclusiva que tamén aposte por crear un edificio para xente sen teito, para tentar facer a vida máis doada para os que o teñen máis complicado precisamente. Hai un aposta moi clara pola accesibilidade, porque ten que ser unha cidade para todas as persoas sen importar as súas condicións de funcionalidade para o desprazamento. E por outro lado unha cidade patrimonial, entendendo como poñendo en valor o patrimonio que hoxe en día non estamos vendo. Parece que nesta cidade o patrimonio é únicamente o que está recoñecido como Ben de Interés Cultural e a cidade histórica como Patrimonio da Humanidade. Pero temos un Patrimonio natural, etnográfico e arqueolóxico moi importante. Todo o que son os nosos ríos, os camiños ó caron dos  ríos, muiños, pontes, e un patrimonio arqueolóxico como poden ser os petroglifos que hai en Villestro que non están nada recoñecidos. Compostela é algo máis que a almendra da cidade histórica e temos outros valores patrimoniais que teñen que ser de todos.

Falabas de accesibilidade. Está claro que para Compostela un dos modelos a imitar é o de Pontevedra. En febreiro visitáchedes a cidade para coñecelo de primeira man. Existe a posibilidade dunha peonalización en zonas como Pza de Galicia, como está a ocorrer agora mesmo en San Pedro?

Nós entendemos que temos que reducir a presión de vehículo privado no centro da cidade. Falamos de pacificación, polo tanto, na Rúa de San Pedro damos ese primeiro paso de pacificación: reducir o paso de vehículos únicamente a aqueles que son residentes. Eu creo que temos que facer iso en todo o eixo Norte-Sur: todo o que pasa pola Praza de Galicia, Senra e Virxe da Cerca, temos que tender a reducir o vehículo particular. Polo tanto cremos que sí que temos que traballar nesa liña, pero creo que hai que ser sensatos, estudar as cousas e ir avanzando, mentres nós non teñamos o plan de mobilidade que iniciaremos este ano. Este permitirános reducir, limitar e regular tráficos en certas zonas e buscar alternativas sen que haxa colapsos. Cremos que é algo fundamental pero temos que intentar que na cidade, a xente non cruce por Virxe da Cerca para pasar de Norte a Sur. Hai vías periféricas e polo tanto ó centro só ten que ir aquel que ten que ir porque é residente, por un tema de carga e descarga ou porque xa vai a un aparcamento alí pero non para dar voltas co coche.

O novo mapa de liñas que é un dos proxectos que máis se espera, para un sistema case obsoleto, con máis da metade das liñas pasando por Virxe da Cerca, moitas liñas están infrautilizadas e infraexplotadas. Podes dar algún adelanto de en qué vai consistir este novo plan?

Para nós o transporte público ten que ser creíble. Para ser creíble ten que ser eficiente, cumplir horarios e tamén ten que ser fácilmente entendible. Das 24 liñas actuais queremos ir a 12 liñas radiais que crucen a cidade. 3 ou 4 que crucen a cidade con frecuencias de 10min que nos permitirían con transbordos nesas liñas cun tempo medio de espera de 5 entre unha e outra, comunicar toda a cidade. Ademáis desas 3 liñas haberá liñar circulares e sobretodo permitiremos unhas prolongacións ó rural co cal conseguimos algo moi importante: comunicar o rural que hoxe en día está moi mal servido. Tan cidadán deste concello é o que vive en Barroso como o que vive no centro. Polo tanto hai que darlle servizo ós do rural, hai que dar servizo nos barrios e hai que intentar simplificar de tal forma que non teñamos buses pasando e facendo o mesmo recorrido. Polo tanto simplificamos o número de liñas e aumentamos frecuencias. Iso para que sexa creíble, que sexa eficiente e que a xente poida apostar polo transporte público en vez de o vehículo privado e que podamos dar ese salto na mobilidade que é necesario na actualidade.

Outra demanda histórica que parece que avanza nesta lexislatura é a estación intermodal que vai liberar espazo no norte e vai repercutir moito no sur. Como avanza o proxecto? Hai algunha data límite en mente? E un dos requisitos básicos: permitirá a permeabilización entre o Ensanche e As Brañas?

Eu as veces cos proxectos sempre entendo que o importante é que sexa un bo proxecto e que saia ben. Creo que as présas non son o mellor, se non que o importante é que vaian ben. Hai 6 anos cando estaba eu no Colexio de Arquitectos, falamos da oportunidade que supoñía a chegada do AVE para mellorar a cidade. Fixemos un concurso de “proposta de ideas para mellorar a cidade coa chegada do AVE” porque entendíamos que a colocación na estación intermodal da estación de autobuses permitiría que todo todo aquel traballador ou estudante que chegue a cidade dende Vigo e Coruña en tren ou en autobús dende o noso contorno, chegue a un punto central da cidade, co cal podemos reducir a presencia de vehículos. Polo tanto entendemos que é fundamental centralizar todas as comunicacións da xente que vén de media distancia nese punto central da cidade e facer aí a interconexión. Sempre nos axudará esa ubicación a algo que para nós é fundamental que é suturar, coser a cicatriz que está sempre aí pendente: a vía férrea. O que a estación intermodal fai é recuperar o camiño peonil para poder comunicar os barrios do Sur coa cidade. Polo tanto para nós o fundamental é que haxa un bo proxecto, que o espazo urbán sexa de calidade, e así o estuvemos demandando co Ministerio de Fomento, intentando que o proxecto sexa o mellor posible.

jorge duarte.jpg
Jorge Duarte nunha rolda de prensa // Europa Press.

A polémica destes últimos meses foi a relativa ós aforos dos locais, porque a súa seguridade estaba en dúbida. Como era a situación cando vós chegades ao Concello?

Nos locais hai unha problemática que empeza pola aplicación pola Lei de Emprendemento que contempla unhas sancións cando as faltas son moi graves con multas de entre 30.000€ e 300.000€. Se empezan a poñer multas dende o Concello, de máis de 100.000€ e 1 ano de peche. Nós sempre pedimos que antes de poñer unha multa dese tipo, hai que ter as cousas moi claras. Unha sanción moi grave que conleve un peche, debe ser porque se pón en risco a vida das persoas. O que facemos desde o Concello é intentar graduar as infraccións. Á raíz da posta en marcha deste procedemento, pois houbo diferencias e calificáronse como moi graves, cremos, infraccións que non eran tanto, que eran graves e que se puideron solventar cunha multa, sen ter que ser cun peche. É a raíz de aí cando vén todo ese tratamento que deu tanto ruido, de que desde a Concellería se pediron informes e aclaracións, para que antes de pechar un local tivéramos toda a seguridade xurídica. Eso deu lugar a unha acusación de trato de favor a uns locais en lugar de outros. O único que creo é que non se estudaron ben cada un dos casos, porque o que se pediu desde a Concellería ós técnicos sempre foi que se xustificara claramente se a infracción, por un exceso de aforo, era grave ou como di a Lei, se era moi grave “porque se puña en risco a vida das persoas“. Entendemos que só se debía de pechar o local cando a falta fora moi grave e quedara claramente que a actuación do propietario fixera que a vida das persoas correra algún risco.

A situación considérase pacificada agora?

Eu entendo que no Departamento está pacificada, por desgracia a xudicialización da vida vólvese a meter polo medio, e hai que esperar a que a Xustiza dictamine. Eu estou desexando declarar e dar todas as explicacións necesarias. Ás veces cando un quere dar explicacións, ten que ser a través do xulgado, Pois se ten que ser así, eu non teño ningún problema en dar esas explicacións pero a día de hoxe aínda non puiden dar as explicacións que xa din na rolda de prensa ou no pleno.

Hai moitos hosteleiros dentro de Compostela que están en contra desde modelo de ocio. Qué opinión tes do futuro do sector?

Nos últimos tempos houbo un traballo de control moi exhaustivo e o número de multas aumentou. Moitas veces non quedaba clara cal era a cuantía para cada infracción. O que agora mesmo estamos intentando coa Asociación de hostelería é intentar fixar un marco de actuación que poida ser entendido por todo o mundo. Cando un vai no coche e se salta unha señal de 50km/h e vai a 70, sabe cal vai ser a súa sanción. Pois nós intentamos fixar unhas pautas o máis lóxicas e razonables posibles. Saber que se hai un exceso de aforo terá unha multa e que en función dese exceso de aforo puxo en risco a vida das persoas ou non terá unha calificación. É un pouco triste que a veces a Lei de Emprendemento que en teoría estaba para facilitar a actividade e a creación de novos negocios, que ó final de lugar a poñer trabas e obstáculos e provoque peches.

Vencellas o teu futuro político ó que dictamine a Xustiza?

Eu neste caso, gustaríame deixar claro que non hai un caso que sexa por corrupción, por enriquecemento, senón que é unha cousa que o que di a Fiscalía é prevaricación administrativa, que pode haber unha dilación no proceso. Realmente era porque eu pedía máis informes, non por outra cousa, informes para telo claro antes de pechar. Entón, eu estou desexando explicar as cousas diante da Xustiza. Sempre me gusta ir paso a paso, non vou a anticipar os problemas antes de que aparezcan. Teño a conciencia tranquila, quero declarar, quero explicar todo e intento e espero que a partir de aí non haxa ningún problema máis.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s